Thursday 02 de May de 2024

A Asociación A Cortiña promove en San Sadurniño a terceira edición do ciclo de charlas “Outono agroecolóxico”


O Concello colabora coa entidade a través dun convenio nominativo de 1.200€

A Asociación Agroecolóxica A Cortiña recupera o programa “Outono agroecolóxico” despois de catro anos sen se celebrar, co obxectivo de achegarnos experiencias innovadoras coas que poñer en valor os recursos do rural desde a óptica da sostenibilidade. Na volta deste ciclo de charlas, que arranca este martes ás 18:30h, poderemos coñecer en detalle o proxecto Ekoizpen promovido polo Concello basco de Urduña coa finalidade de fomentar unha gandaría e unha agricultura orientadas ao consumo comarcal. A sesión é a primeira dunha serie de seis encontros que terán lugar ao longo das próximas semanas na Casa da Xuventude, dentro do convenio de colaboración subscrito entre A Cortiña e o Concello de San Sadurniño.

As xornadas deste ano abordarán cuestións resumidas no lema “Desenvolvemento rural desde a agroecoloxía. Camiños para a transición agroecolóxica” e estará centrada nos casos de éxito e nas recomendacións para mudar o actual sistema globalizado de produción intensiva e deslocalizada cara un modelo de proximidade que garanta unha oferta diversa, de calidade e sostible tanto desde o punto de vista ambiental como social.

Esa é, en esencia, a función que cumpre o proxecto Ekoizpen Urduña, posto a andar hai dúas décadas polo concello biscaíño de Urduña. Comezaron cun diagnóstico da situación do sector agrogandeiro da zona, marcado a comezos deste século pola intensificación, e a partir de aí foron traballando coas explotacións para que cambiasen a súa maneira de facer as cousas: volvendo apostar polo pastoreo, reducindo a mantenza con pensos compostos, eliminando a fertilización química, etc.

Ademais, Ekoizpen tamén se esforzou por crear condicións favorables para o sector primario, por medio dunha estratexia integral que promove a venda directa, campañas a prol do consumo local e incluso impulsando unha cociña para os comedores escolares e de residencias que se abastece dos alimentos de calidade producidos na zona.

Trátase dun “regreso ao futuro” -lema que Ekoizpen Urduña utiliza na súa comunicación- que recupera a filosofía dos circuítos próximos de antano como base dun sistema sostible desde o punto de vista social e ambiental. Iso que comunmente coñecemos como “soberanía alimentaria”, ou a capacidade de abastecernos maioritariamente co que somos capaces de producir.

Para falar da iniciativa, a Asociación Agroecolóxica A Cortiña convidou a Marijo Imaz, técnica de dinamización en Urduña. A súa charla, titulada “Ideas e ferramentas para o desenvolvemento rural: o caso Ekoizpen en Urduña”, terá lugar na Casa da Xuventude este martes 7 de novembro a partir das 18:30h con entrada libre.

Ao longo das próximas semanas -con datas aínda por concretar- teremos máis sesións deste tipo arredor do tema principal da transición cara a agroecoloxía. Así, ata San Sadurniño virá Jaime Izquierdo Vallina -Comisionado para o Reto Demográfico do Goberno de Asturias- coa ponencia “Rural futuro. Futuro rural? Un mundo postindustrialista viable”; tamén Neus Monllor Rico, da Rede de Espazos Test Agrarios, que traballa no relevo xeracional no agro; o proxecto Justicia Alimentaria, que ofrecerá a charla “Cortocircuito: campaña polos circuítos curtos de comercialización”; o investigador do CSIC Daniel López García, quen abordará a transición agroecolóxica desde as institucións e a cidadanía; e, completando o ciclo, Nuria Alonso, da Fundación Entretantos, explicando o camiño percorrido desde a sinatura do Pacto de Milán de políticas alimentarias urbanas en 2015 até a conformación da Rede de Municipios pola Agroecoloxía.

Convenio entre A Cortiña e o Concello de San Sadurniño
O contido do “III Outono Agroecolóxico” organizado pola Asociación A Cortiña vén recollido no convenio de colaboración subscrito pola entidade e polo Concello de San Sadurniño a mediados de outubro. Nel establécese unha achega municipal de 1.200 euros para o desenvolvemento das xornadas.

O acordo encádrase no obxectivo municipal de promover “accións relacionadas coa produción sostible e a alimentación de calidade, buscando unha visión integral dos diferentes procesos que se dan ao redor destas cuestións”.